41º edición da Festa da Troita da Pontenova

Información
Diario Marítimo ; 30 Abril 2019

O Presidente da Deputación, Darío Campos xunto ao Tenente de Alcalde, Francisco Martínez Bermúdez, e o Presidente do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), Francisco Javier Rois Freijo, presentaron a XLI edición da Festa da Troita da Pontenova que terá lugar os días 30 de abril e 1 de maio. Este evento está declarado como Festa de Interese Turístico Galego e tamén de Interese Turístico Deportivo Nacional. O Goberno da Deputación vén apoiando nos últimos anos a organización deste evento, que este ano recibiu unha achega de 5.000 €.

 

Darío Campos destacou que “esta celebración da Pontenova é a segunda festa da troita máis antiga de Galicia. Xa conta con máis de 40 anos de tradición e consolidouse coma un importante revulsivo económico para o Concello da Pontenova e para a contorna da Mariña o cal redunde positivamente na provincia”.

130 pescadores participarán neste evento deportivo de repercusión nacional ao que acoden pescadores de Galicia, Asturias e outras comunidades. A Festa da Troita  converteuse ademais nunha das máis importantes citas gastronómicas da provincia.  Este ano, agárdase que se acheguen máis de 10.000 persoas a esta festa que contará con degustacións de troita, actuacións de bandas de música, verbenas, sesións vermú… A ocupación hoteleira é do 100%.

Programa
O martes 30 de abril ás 20:00 horas entregaranse os recoñecementos ”Troitas de Ouro” a personalidades e entidades relevantes do mundo da pesca; ás 21:00 horas a actriz e presentadora Isabel Blanco lerá o pregón. A continuación abriranse as casetas de degustación dos troitas.

O mércores 1 de maio, ás 9:00 horas darán comezo os concursos de pesca (lance, salmón e mosca) e a “I Ruta de Sendeirismo Festa da Troita Vía Verde”. Ás 18:00 horas entregaranse os trofeos aos gañadores dos concursos.

Ruta sendeirismo
Como novidade na edición de este ano, o Centro de Iniciativas Turísticas da Pontenova organiza a “I Ruta Festa da Troita Vía Verde”. É unha ruta gratuíta de 12,5 km ao carón do río Eo que terá lugar o 1 de maio. Discorrerá pola antiga vía do tren que vai desde Pontenova a Ribadeo e por 6 túneles de pedra. A ruta, de catro horas de duración, é de baixa dificultade e apta para todos os públicos. Nela os participantes poderán observar en directo aos pescadores participando no concurso e ver os lances de ata 8 campións do mundo da pesca. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo na oficina de turismo de A Pontenova e no email Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

Premios Troita do Ouro
Nesta edición recibirán as distincións ‘Troitas de Ouro’ o campión de pesca do mundo a mosca, David García Ferreras; a Fundación NORTH ATLANTIC SALMON NASF; o proxecto Arcas de Mesas do Narcea; Leonardo de la Fuente de Radio Marca e Manuel Gómez da tenda de pesca en Chantada ‘Armería Mago’.

campana_de_propinas