Información
Enviar por ; Correo electrónico

O Museo de Historia Natural da USC recupera o esqueleto dunha balea azul

Información
Diario Marítimo ; 12 Octubre 2019 ; 124 visitas
Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

Vista xeral do esqueleto. Foto: MHN

Un exemplar da grande balea azul, Balenoptera musculus, acaba de ingresar nas coleccións zoolóxicas do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela. Esta balea é o animal máis grande que poboou e poboa o planeta Terra, pois pode superar facilmente os 30 metros de lonxitude e as 100 toneladas de peso. É precisamente un esqueleto desta especie o que preside actualmente o vestíbulo principal do Museo de Historia Natural de Londres.

Actualmente, en colaboración con diversos especialistas do CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), o Museo de Historia Natural da USC está procedendo ao seu estudo e recomposición. As análises moleculares dos fragmentos óseos, así como outro tipo de estudos, ademais de permitir ratificar a identidade do exemplar, proporcionarán ao persoal científico información moi valiosa sobre as características biolóxicas desta especie, que na actualidade está seriamente ameazada.

Debido á grande envergadura do esqueleto, o deterioro de moitas das pezas e o gran custe económico que suporía a súa completa recuperación, non parece viable polo momento abordar a súa restauración e montaxe, pero estase a estudar o proxecto de ofrecer no futuro a visitantes do Museo a posibilidade de contemplar nas súas salas permanentes algúns dos elementos máis destacables do esqueleto deste impoñente animal.

Historia
O esqueleto do Museo compostelán pertence a unha balea que, segundo as crónicas da época, foi recollida en 1876 por un falucho de Bouzas, cando flotaba morta na ría de Vigo, a algunha distancia das illas Cíes. Conducida á praia de Bouzas, foi contemplada esa mesma tarde por máis de 2.000 persoas. O esqueleto foi posteriormente doado á USC e pasou a formar parte das antigas coleccións de Zooloxía do gabinete de Historia Natural (xerme do actual Museo). Alí foi artesanalmente montado sobre columnas de fundición e exhibido durante algún tempo nos xardíns da Universidade. O esqueleto pertence a un exemplar xuvenil, duns 25 metros de lonxitude. Está aceptablemente completo, salvo unha serie de vértebras caudais e algunhas pezas illadas, aínda que con síntomas de deterioro de moitas pezas tras o seu montaxe e exposición á intemperie e o seu posterior almacenamento durante un longo tempo.

Xa a comezos do século XX, posiblemente con motivo no nacemento do Museo de Historia Natural en 1906 e a súa instalación nun novo emprazamento, o esqueleto foi desmantelado e almacenado no propio xardín. Xa en décadas recentes, decidiuse o seu traslado ao Museo do Pobo Galego, onde estivo custodiado, ata o seu retorno agora ao Museo de Historia Natural.

Otros articulos relacionados.....