O explorador da National Geographic Manu San Félix falará en Vilagarcía sobre a necesidade de coidar os nosos mares

Información
Diario Marítimo ; 05 Noviembre 2019

04.11.2019.- Manu San Félix está considerado como un dos mellores camarógrafos e fotógrafos submariños do mundo. Titulado en Bioloxía Mariña, colabora dende hai anos coa prestixiosa revista e canle de televisión National Geographic. San Félix leva dedicados máis de 30 anos da súa vida a estudar e loitar pola conservación do Mar Mediterráneo. Boa parte desta experiencia reflíctese no documental que se vai a proxectar en Vilagarcía, “Salvemos el Mediterráneo”, que el mesmo presenta e dirixe. Neste audiovisual do National Geographic, relátase a experiencia de San Félix, que se embarcou nunha viaxe por augas do Mare Nostrum para amosar como a acción do home converteu un dos enclaves mariños máis ricos do planeta, nun dos máis ameazados. Os seus consellos pódense perfectamente trasladar ao océano Atlántico, e niso incidirá nos actos en Vilagarcía.

O acto a celebrar no Auditorio ás 19:00 horas consistirá na proxección do documental “Salvemos el Mediterráneo” e a posterior charla coloquio. O biólogo mariño tamén visitará pola mañá aos escolares do colexio do Piñeiriño para fallarlles sobre o cambio climático e a obriga que temos de coidar o medio mariño, todo isto ilustrado cun mostra de fotografías tomadas polo biólogo e a proxección do documental.

A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Diego García, convida aos vilagarciáns a asistir ao acto do Auditorio dada a relevancia do relator e a importancia do tema a tratar e que, directa e indirectamente, aféctanos a todos, máis nunha zona como a nosa, onde a saúde da Ría de Arousa inflúe no noso xeito de vida, no noso benestar e na propia economía local a través de sectores produtivos como a pesca, a acuicultura ou o turismo.

campana_de_propinas