A CIG esixe a dimisión do presidente do Porto de Vigo López Veiga ( PPdeG ) tras a sentenza sobre a liquidación de Vulcano

Información
Actualidad 26 Abril 2020
social youtube xornalgalicia   feed-image

A CIG esixe a dimisión do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), Enrique López Veiga, despois de que a Audiencia Provincial de Pontevedra desestimase o recurso presentado polo organismo estatal contra o plan de liquidación do estaleiro. A central denuncia que a decisión do máximo responsábel da APV pon en perigo o mantemento da actividade industrial nas instalacións da empresa en Teis e reclama que se depuren responsabilidades.

O representante da CIG na Autoridade Portuaria viguesa trasladou hoxe a posición do sindicato durante a celebración do consello de administración, que tivo lugar por vía telemática. Anxo Iglesias sinalou que “quedou claro que o recurso presentado contra o plan de liquidación foi unha decisión errónea que pon en perigo que se poida manter a actividade industrial nos terreos que ocupa Vulcano en Teis”. 

 

A central entende que o recurso foi unha decisión persoal de López Veiga pola que ten que asumir responsabilidades

Na central entenden que se tratou dunha decisión persoal do presidente, “da que informou posteriormente ao consello de administración, por iso ten que asumir a súa responsabilidade e presentar a dimisión”. Denuncian a ademais que o único obxectivo da medida era eliminar o uso industrial dos terreos para dedicalos a outras actividades.

Por iso agardan que a sentenza reactive o interese do empresariado que amosara a súa intención de facerse coas instalacións para manter o proxecto industrial ligado á construción naval. A resolución xudicial establece que a concesión administrativa até 2027 debe de contemplarse na venda da unidade produtiva, ao contrario do que pretendía a APV.

O organismo que preside Enrique López Veiga argumentaba que coa disolución da empresa a concesión administrativa do espazo quedaba resolta, polo que debía volver ao Porto. En consecuencia, os terreos poderían destinarse a outros usos, como a pretendida ampliación da plataforma para tráfico de mercadorías. Pola súa banda, a administración concursal do estaleiro defendía que a concesión tiña que incluírse na unidade produtiva para o seu alleamento, xa que do contrario reduciríase notabelmente o valor das instalacións