O Goberno de Feijóo podría estar deixando de lado o control das fontes do Camiño de Santiago con grave risco para os peregrinos

Información
Portada 02 Mayo 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

3173436A pesares do incremento actual de pregrinos, dende Saúde Pública da Consellería de Sanidade non se están a vixiar as, aproximadamente, 650 fontes existentes no Camiño de Santiago ao seu paso por Galiza dende o último ano Xacobeo 2010. Actualmente, segundo a Oficina de Peregrinacións, durante o mes de marzo de 2016 recibíronse 11.066 peregrinos, mentres que no anterior ano Xacobeo (2010), a estas mesmas alturas do ano foran 5.882. 

O último estudo das fontes dos oito camiños de Santiago que pasan por Galiza, foi realizado pola Consellería de Sanidade no ano Xacobeo 2010, segundo está publicado no web de Saúde Pública (Venres epidemiolóxico, 21/12/2012).

073D4VIZ001 1O fin deste estudo foi comprobar o estado e a calidade sanitaria das augas, para previr a aparición de enfermidades gastrointestinales agudas. Para elo, clasificou as fonte públicas en tres tipos: Fontes naturais sen tratamento de potabilización (deben sinalarse como "augas sen garantía sanitaria"), Fontes naturais con tratamento de potabilización e fontes conectadas a unha Traída Municipal de Auga de consumo público controlado, que segundo os resultados deben sinalarse como "auga apta para o consumo" ou "auga non apta para o consumo". Este feito, recentemente creou alarma e preocupación entre os veciños do Concello de Ames, porque algunhas fontes amenceron cunha sinal de "auga sen garantía sanitaria" (publicado en prensa o 22 de abril).

Dos resultados obtidos, comprobouse que maioritariamente a orixe da auga destas fontes era de manancial ou de pozo sen cloración (case o 75% das fontes, é dicir, unhas 500 fontes) e sen sinalizar (68%, unhas 450), é dicir, "auga sen garantía sanitaria". Así como unha alta porcentaxe estaban en condicións deficientes.

Realizáronse tamén análises de auga das fontes que tiñan tratamento de potabilización e maioritariamente a auga foi clasificada como "apta para o consumo", aínda que a maioría delas non estaban sinalizadas.

Ante o incremento de peregrinos, segundo a Oficina de Peregrinacións 262.516 no ano 2015, dende o corpo de Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública (FISP), persoal que leva a cabo o Programa de Vixiancia Sanitaria de Augas de Consumo Humano da nosa Comunidade Autónoma, amosan a súa preocupación pola cantidade de xente que está exposta a consumir "auga sen garantía sanitaria", aproximadamente unhas 500 fontes, xa que dende o ano 2010 non se realizou ningún tipo de vixiancia nestas fontes do Camiño de Santiago.

Non se pode esquecer que aínda que os concellos son os responsábeis do control sanitario das fontes públicas, a vixiancia e control para que esto se cumpra sen poñer en risco aos milleiros de peregrinos que realizan o camiño de Santiago corresponde á Consellería de Sanidade.

Xa que logo, durante o longo percorrico do Camiño de Santiago os peregrinos sedentos paran nas fontes que se van atopando pero, ¿poden beber?, ¿teñen garantía sanitaria?, ¿supón un risco para a súa saúde? Esas son algunhas das preguntas que deben facerse e o máis importante, que ao menos o peregrino saiba se a "auga é apta para o consumo" ou "a auga non é apta para o consumo". Esa cuestión debería ter unha resposta clara.