Non hai vontade política nin implicación por parte da Xunta para mellorar a situación do sector e dos mariñeiros galegos

Información
Portada 16 Diciembre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

Os socialistas galegos consideran “continuistas e pouco ambiciosos” os orzamentos presentados hoxe no Parlamento pola Consellería do Mar, cun descenso do 5,84 % nos investimentos. En resposta á comparecencia de Rosa Quintana, a portavoz de Pesca do PSdeG, Loli Toja, lamentou que “o PP presuma do crecemento dos orzamentos, cando os investimentos baixan”. “Amosan falta de vontade política para mellorar a situación dos mariñeiros, algo que vén demandando historicamente o sector: unha maior implicación por parte da Xunta para defender os seus intereses”, manifestou.

“Trátase duns orzamentos continuistas, que lonxe de reverter a grave situación demográfica de Galicia, van agravala; temos unha poboación envellecida e a nosa xuventude vese obrigada a emigrar”, apuntou Toja, que criticou “o establecemento de obxectivos que non están respaldados por partidas orzamentarias”.

En opinión da deputada socialista, “chama a atención a importancia relativa da acuicultura, 24 millóns de euros, seis millóns máis para este ano; a acuicultura debería ser un complemento específico para a pesca”.

Toja falou tamén “dos graves problemas do marisqueo” e cualificou de insuficientes “os recursos destinados a formación, moi por debaixo das necesidades reais”, e aos programas de “investigación, desenvolvemento e innovación”.

Na súa quenda de réplica, fixo referencia aos orzamentos para investimentos nos portos, 6.855.000 euros: “Unha cantidade tamén insuficiente para os proxectos pendentes en Viveiro, O Grove, Pontevedra, Vilagarcía, Vilanova, Foz e Laxe; Portos é un exemplo de incumprimentos continuos, onde se inclúen partidas que non se cumpren, diminúen ou desaparecen dun ano para outro”.