Presentan denuncia diante a Inspección de Traballo e da Autoridade Portuaria de Ferrol contra as empresas Pérez Torres Marítima e COP Galicia por "suplantar estibadores".

Información
Portada 11 Junio 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image

A CIG presentou denuncia este venres diante a Inspección de Traballo e da Autoridade Portuaria de Ferrol contra as empresas Pérez Torres Marítima e COP Galicia por enviar a persoal propio a realizar as tarefas en dous barcos asignados a traballadoras que estaban secundaron a folga en horas alternas. A FGAMT-CIG denuncia que con esta manobra, as empresas vulneran o dereito á folga do persoal, un dereito fundamental, polo que solicitan á autoridade laboral que tome as medidas oportunas.

 

Pero, ademais, subliña Francisco Cartelle, Secretario Confederal de Emprego da CIG, esta decisión pon en perigo a seguridade das manobras -que se realizaron sen a debida supervisión- e  provocará un incremento da tensión no conflito. "A estas empresas só lles importa gañar o carto do día,  non teñen interese en buscar unha solución ao conflito. Con esta tipo de actitudes, está claro que no porto de Ferrol a escalada de tensión vaise producir", advertiu.

Concentración no Concello de Ferrol

Coincidindo coa terceira xornada de folga no sector da estiba, os traballadores da SAGEP do porto de Ferrol achegáronse ás dependencias do concello para explicar á corporación local a situación na que se atopa o conflito e exporlles as súas principais reivindicacións, a saber:  garantías de mantemento dos postos de traballo, expresada na subrogación dos seus contratos. O persoal mantivo encontros co alcalde da cidade e con representantes do BNG, quen ofreceron o seu apoio e solidariedade á súa loita.

Nas xuntanzas, os traballadores lembraron que logo dos avatares para a aprobación do real decreto que liberaliza a actividade da estiba nos portos españois, acadárase un preacordo coa patronal Anesco para o mantemento de todos os empregos. Porén, o incumprimento deste punto por parte da patronal provocou que, finalmente, as organizacións sindicais fixeran efectiva a convocatoria de folga.

Os estibadores de Ribadeo súmanse á folga

Unha folga que hoxe cumpre a súa terceira xornada e á que tamén se sumaron os estibadores do Porto de Ribadeo, logo de que non puidesen efectivizar os paros do luns e do mércores, ao non haber barco.

Sobre a xénese do conflito, Xoán Díaz, da CIG da Mariña,  explicou que aproveitando a sentenza do tribunal europea que trataba de regular a contratación, "unica e exclusivamente (algo ao que nunca se opuxo o colectivo de traballadores/as), pretenden que as empresas se poidan desprender do 75% do cadro de persoal en tres anos , mesmo pagando as posíbeis indemnizacións con cartos públicos, para que despois mediante unha especie de bolsa de emprego poidan contratar cando o precisen".

Á espera do resultado da reunión prevista entre a representación sindical e a patronal Anesco para o vindeiro martes,   xa está convocada unha folga de 48 horas entre o mércores 14 e o venres 16 e novos paros nas horas impares os días 19, 21 e 23 de xullo.