Presentado o balance da Unidade de Salvamento Acuático correspondente á temporada estival, na que se realizaron 6 salvamentos e foron atendidas 391 persoas nos postos de socorrismo

Información
Portada 23 Octubre 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image
Miguel Vales, Evencio Ferrero e Javier Souto presentaron hoxe o balance da temporada

Miguel Vales, Evencio Ferrero e Javier Souto presentaron hoxe o balance da temporada

A Concellaría de Praias márcase como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a calidade dos servizos que se prestan no noso litoral.

Nese sentido, o concelleiro responsable da área, Miguel Vales, aludiu á recente renovación de dous dos certificados máis esixentes da Unión Europea -EMAS e ISO 14:001- á hora de facer balance da temporada estival, do mesmo xeito que destacou que nas 61 analíticas realizadas entre o Concello de Carballo e a Consellería de Sanidade as augas de baño acadaron a cualificación de excelente, polo que agarda que, de cara ao vindeiro ano, poida retirarse o cartel que este verán desaconsellaba o baño na desembocadura do rego de Arnados.

Desde o punto de vista medioambiental, a campaña que vén de rematar tamén estivo marcada pola convivencia coa píllara das dunas, unha especie protexida que obrigou a establecer un sistema de limpeza manual entre o río de Arnados e a desembocadura da ría de Baldaio, “unha zona que, por outra banda, é máis de tránsito que de asentamento”, matizou.

O obxectivo, engadiu o alcalde é seguir mellorando “día a día” en colaboración “con todos os sectores implicados” no desenvolvemento sostible do noso litoral. Evencio Ferrero destacou que as praias carballesas atraen cada vez a máis xente e máis lugares, en boa medida grazas ás excelentes condicións para a práctica do surf, e nese sentido avogou por poñer en valor e prestar “unha atención especial” ao coidado dos areais.

Moita afluencia

Imaxe da praia de Razo correspondente ao 22 de agosto

Imaxe da praia de Razo correspondente ao 22 de agosto

No balance da temporada, o coordinador de Protección Civil, Javier Souto, destacou sobre todo a “gran afluencia” que rexistraron as praias. En cuestión de números, o verán pechou con 6 salvamentos e 391 persoas atendidas nos postos de socorrismo, tal como figura no balance adxunto. O responsable do servizo lamentou o falecemento dun veciño de Imende, que sufriu unha parada cardíaca, e lembrou que ata a vindeira campaña as praias están “oficialmente pechadas ao baño”, polo que aconsella “extremar precaucións”.

Outro aspecto negativo ao que aludiu é a dificultade para cubrir as prazas de socorristas, o que impide estender o servizo ás praias de Leira e Arnela. “Levamos dous anos intentándoo, pero por circunstancias alleas á nosa vontade non podemos, porque sen xente non é posible. Polo tanto, temos que centrarnos onde está o 95% dos usuarios”, explicou.

Descargas