A secuenciación do xenoma do rodaballo fai posible programas de selección xenética máis eficientes, di Paulino Martínez

Información
Acuicultura 15 Marzo 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image
O grupo de investigación Acuigen da USC, dirixido polo catedrático Paulino Martínez e con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC lidera a secuenciación do xenoma do rodaballo, o primeiro vertebrado secuenciado en España, no marco dun proxecto de investigación no que tamén participaron científicos do CSIC de Vigo e do Centro Nacional de Análise Xenómica (CNAG) de Barcelona, cuxos resultados vén de publicar a revista británica DNA Research (Oxford University Press).

  

O traballo de investigación desenvolvido polo Acuigen da USC no marco deste proxecto contempla a secuenciación e o ensamblado de todo o xenoma de rodaballo (600 millóns de nucleótidos) coa integración de recursos e ferramentas xenómicas previas nas que o referido grupo de investigación da USC viña traballando desde 2005, segundo explicou este martes Paulino Martínez nun presentación dos resultados deste traballo de investigación á docentes, alumnos e investigadores do campus de Lugo nunha sesión aberta á que tamén asistiu o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro.

  

Respecto dos recursos e avances cos que xa contaba o Acuigen para afrontar este proxecto, Martínez citou especificamente a construción do mapa xenético do rodaballo con más de 500 marcadores, o desenvolvemento dunha base de datos con gran parte dos xenes do sistema inmune e reprodutor desta especie, e o deseño dun microarray para análise de expresión xénica. A aplicación destas ferramentas permitiu identificar rexións xenómicas e xenes candidatos asociados cos carácteres de interese produtivo no rodaballo, o que serviu de base para a súa análise a partir da secuenciación completa do xenoma.

  

A secuenciación completa do xenoma do rodaballo culmina unha década de traballo e esforzos do grupo Acuigen dispoñer das ferramentas xenómicas máis avanzadas para estudos evolutivos ou aplicados, salientou Martínez. Este catedrático de Xenética da USC sinalou asemade que este estudo abre o camiño para o desenvolvemento de programas de selección xenética máis eficientes en relación co crecemento, a resistencia as patoloxías e o control sexual da especie.

  

Agora están dispoñibles os xenes candidatos responsables das asociacións detectadas que nos están permitindo desenvolver marcadores para realizar programas de selección asistida ou programas de selección xenómica que xa se están a facer en animais domésticos tradicionais con maior potencial económico que o rodaballo.

  

A análise  in silico do xenoma proporcionou información de mecanismos xenéticos de adaptación á escasez de luz e ás baixas temperaturas do fondo mariño e sobre a orixe e diversificación evolutiva dos peixes planos fai 40 millóns de anos. A análise xenómica permite reconstruír os eventos que tiveron lugar fai tempo na historia da vida no planeta Terra, conclúe Martínez.