CIG-Industria reclama que se monten nas gradas de Fene a metade dos petroleiros tipo Suemaz anunciados

Información
Astilleros 06 Julio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image
13 02 13NavantiaA CIG-Industria valora, en principio, positivamente o anuncio da construción dos petroleiros tipo Suemaz para Ondimar, xa que parece que pode implicar carga de traballo para a comarca de Ferrolterra. Porén lembra que aínda non é definitivo, xa que están pendentes de ser ratificados nos consellos de administración de Navantia e Sepi, como tamén ten que ser ratificado o seu financiamento. Manifesta en todo caso as dúbidas que lle xera, polo que supón canto ao tipo de traballo ao que semella que se quere limitar aos estaleiros da ría de Ferrol.
 

A CIG-Industria sinala que logo dun anuncio claramente electoralista previo as municipais, cando aínda estaba no aire un contrato para facer catro petroleiros máis dous, agora pásase a dous+dous+dous.“Cun sistema low cost, como denunciaba a CIG hai unhas datas, con prezos de mercado e dependentes tecnolóxicamente de Daewoo –que pon o deseño e os materias- o que vai ter unha repercusión clara nas condicións e os salarios dos  traballadores/as”.

Advirte que o tipo de contrato dos+dous+dous parece feito explicitamente para xustificar que na Ría de Ferrol tan só se fagan bloques que posteriormente se montarán en Puerto Real e, matiza que “en todo caso non se aclara que proporción se vai facer na Ría de FERROL” .

Lembra ademais que en xaneiro rematábase o veto a Fene, pero denuncia que “segue en pé de facto”, porque “lamentablemente Fene vai seguir sendo un taller, neste caso de Puerto Real, ou dedicarase a outros nichos de mercado como pode ser a eólica mariña, nicho no que tamén está Puerto Real”.

Polo tanto, e unha vez que se levantou o veto, CIG-Industria considera que “non existe xustificación ninguna para que non se empecen a utilizar as gradas de Fene para o que foron construídas: construción naval”.

Por iso exixe que se monten nas gradas de Fene a metade dos petroleiros. “É unha oportunidade clara de demostrar que hai un compromiso para recuperar un sector estratéxico para Galiza como é o sector naval nesta ría”.