Un estudo da USC publicado en Nature conclúe que o estado dos recursos pesqueiros na Unión Europea experimentou unha notable mellora

Información
Caladeros 31 Marzo 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

O profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC Sebastián Villasante xunto cun equipo de investigadores ingleses  publicaron en  Nature un novo estudo que pon de manifesto que a xestión dos recursos mariños no Atlántico Norte (Mar Báltico e Mar do Norte) está mostrando unha notable mellora na redución da mortalidade pesqueira e o incremento da abundancia das especies comerciais entre 2001 e 2015. “ Estas boas novas contrastan co aínda delicado estado dos recursos no Mediterráneo e no Mar Negro”, matiza Villasante.
As melloras experimentadas obedecen a unha serie de factores claves na xestión pesqueira europea que actuaron de forma simultánea, como son un maior cumprimento das recomendacións científicas efectuadas polos grupos de traballo do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) por parte do Consello Europeo, unha mellora substancial na loita contra a pesca ilegal –non regulada e non regulamentada–, unha maior participación do sector na toma de decisións e a progresiva consideración dos aspectos socioeconómicos na política pesqueira europea. 

No artigo  Europe: keep fisheries catches sustainable apúntase ademais que a superación das cotas de pesca aprobadas polo Consello non necesariamente provoca,  per se, unha situación de sobrepesca por parte dos Estados membros “dado que é preciso avaliar a evolución da mortalidade pesqueira real e a biomasa reprodutora nas pesqueiras a través de campañas de avaliación dos stocks”, matiza o investigador da USC.
Por último, os investigadores cuestionan a recomendación da Unión Europea de seguir os modelos de xestión pesqueira máis avanzados como o dos Estados Unidos. “Se ben a comunidade científica considera exitosa a xestión biolóxica dos recursos nese país, a dimensión socioeconómica reviste connotacións totalmente diferentes ás do sector pesqueiro europeo”, explica Villasante. De feito, a Magnuson-Stevens Act de 2007 establece que os efectos socioeconómicos só se teñen en consideración para reducir o volume de cotas de pesca dos pescadores, non para incrementalas. Xa que logo, este factor reviste particular relevancia “na medida en que podería afectar sensiblemente a rendibilidade e supervivencia da industria pesqueira, en particular naquelas zonas como Galicia altamente dependente da pesca”, conclúe.