Unha Ninfa nas augas do Sil

Información
Gente 11 Agosto 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image
Fai tempo que esta lenda aparecera publicada na Revista de Unión Fenosa co título "Azud de Vill". Naquela, firmaba o artigo un tal Fontela.

 Co maxín ceibe de meu, sae outra vez tecida nun conto, seguindo os pespuntes que a debuxaran na súa orixe.
Os feitos que se narran sucederon en Amandi e mais no cenobio de San Adrián, no berce da Ribeira Sacra.
Na ladeira de Lemos, que mira a Caldelas, Azud viñera ao mundo ao pé da fonte de Amandi. Porén, durou pouco a ledicia naquela casa: unha tarde desafortunada, contando a nena cinco anos, a súa nai desaparecera tragada pola boca dunha poza do río Sil nun intento de salvar á picariña que gustaba das brincadeiras e de mergullar coma unha troita nos remuíños de funil que se formaban nos remansos do río antes da represa de Santo Estevo.
E como unha desgraza vén de reata doutras, ao pai da nena pegáranlle dous tiros unha panda de bandoleiros cando baixaba coas reatas das mulas dende o alto do Piornal a Castañar de Ibor alá en terras de lonxe, na Estremadura.
Como resultas da mirada de esguello da fortuna, Azud tomou amparo na casa dunha tía que quedara para vestir santos, chosca dun ollo por saltarlle o globo da cunca ocular nun esbirro endemoñado que lle viñera de golpe mentres ripaba herba na palleira vella.
Así que, a nena, de dourados cabelos, veuse na obriga de traballar para os veciños apañando guizos para o lume, recollendo cestas de bosta nos camiños para embarrar a aira antes da malla ou varrendo a borralleira das lareiras e, mesmo, acudindo á fonte coa ola de barro de Gundivós.
Unha cunca de caldo, unhas castañas cocidas cunha miguiña de leite mazado e mais unhas codelas de pan cunha lasca de touciño de compango eran o seu consolo e recompensa. As mulleres no corro da fonte, envexadas pola estraña aparición das moedas de ouro, rumoreaban de ter o meigallo a nena fada por causa dos seus feitizos meigos: disque de cando en vez, unha moeda de ouro saía tintinando polo cano da fonte.
Coa ola repousada na rodela que lle coroaba a cabeza, dáballe a moeda a súa tía, porque seica as estaba xuntando para mercar un ollo de vidro a un vello oculista de Lugo.
Co paso dos anos, a nena deu un estirón, resultando unha mociña agraciada de corpo, que daba gusto vela, baixando tódolos días dende Amandi ao cenobio de San Adrián, na banda de Caldelas, a ser princesa dos freires máis que unha coitada criada.
Dende aquela, o barqueiro de Meixide non daba creto aos debuxos máxicos que percibían os seus ollos no lado de Amandi: pola mañá de cedo, coma virtudes da caste dos anxos, aparecía por encanto aquela moza á altura das Forcadas, baixando de présa cara ao río como voando nun palanquín. Coa auga bicándolle os pés, repousaba un anaco para as ablucións matinais; e tras rematar a liturgia da purificación, a moza, núa como viñera ao mundo, desaparecía baixo as augas como unha ninfa náiade.
Noutra banda do Sil, o barqueiro de Meixide, co sentido no aire, subía de présa cara á fonte da Costrela: acochado tralas balaustradas dunha palleira, esperaba a Azud, asexando coma un gato, o intre de saír a ninfa de Amandi polo cano da fonte; entón, o corazón petáballe no peito, persignándose ao chou cos nervios desatados, coma se aquela moza for a Virxe das Neves: branca, distante e fría.
Nun pechar de ollos, a náiade recuperaba a cor e mais a figura de seu; debruzando a cabeza para probar a auga da pingueira, sacaba unhas moedas de ouro do peto da saia e, con tento, deixábaas que fosen caendo na pía dunha en unha: o barqueiro ía lendo nas sucesivas ondas, que se formaban coas moedas, versos fuxidíos dun amor imposible.
Logo, pegaba no camiño a San Adrián, estalando campaíñas de estalotes até á forcada que se abre cun gallo á necrópole San Vitor, na aldea castrexa de San Lorenzo, e mais outro cara abaixo a Barxacova que se mira guapa no espello do río Mao.
Azud sentaba nun trono na soleira do balcón do priorado que mira ao canón do Sil, á espera de sacarlle brillo ás moedas de ouro cun pano de seda. Como beneficios da granxa, estaban no seu haber: viñas e mais soutos; o asentamento nos libros de foros, arrendos, décimos e primicias: de cada dez peixes das pesqueiras do río, un era para os frades; de cada dez moios de viño, un deles, quen no for unha purrela, para os freires; de cada dez ferrados de castañas, un deles, das temperás para os freires e así.
Disque o privilexio de pernada da primeira noite con Azud, prometida ao fidalgo Gustavo, fillo de dona Mathilde da Casa dos Cancedo, quedara en suspenso por primeira vez no priorado de San Adrián.
Eduardo Prieto Casares