A USC lidera a primeira Rede Temática de Avaliación dos Servizos Ambientais Mariño-Costeiros en Iberoamérica

Información
Litoral 27 Diciembre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

Os océanos provén diferentes bens e servizos de aprovisionamento, regulación do clima, soporte e culturais. Os países de América Latina e o Caribe concentran máis do 40% da biodiversidade da Terra e posúen unha das áreas bioloxicamente máis diversas do mundo, incluíndo os servizos dos ecosistemas mariño-costeiros. Estes servizos en Iberoamérica son altamente diversos (estuarios, arrecifes de coral, etc.) baixo a presión antropoxénica de múltiples usos como a pesca artesanal, industrial, acuicultura e actividades recreativas.
A maior parte dos estudos existentes céntranse sobre todo na análise de marcos conceptuais e na provisión de alimentos, ignorando as posibles sinerxías e conflitos entre os diferentes servizos ecosistémicos mariño-costeiros. Na pasada reunión da  Asemblea Xeral de CYTED que tivo lugar en Bogotá (Colombia), seleccionáronse 15 redes temáticas para ser financiadas por un máximo de catro anos, entre elas a Rede  ECOMAR (Avaliación e Monitoreo dos Servizos Ecosistémicos mariño-costeiros en Iberoamérica), que constitúe a primeira iniciativa en identificar, seleccionar e desenvolver protocolos de operacionalización deses servizos, centrándose nos hábitats e actividades humanas claves en cada un dos casos de estudo. Esta proposta cubrirá un importante baleiro xeográfico na medida en que só o 5% dos estudos dos mencionados servizos a nivel global se centraron en Iberoamérica, e habitualmente foron desenvolvidos por investigadores externos.
O obxectivo xeral da Rede ECOMAR, que coordinará o profesor da USC Sebastian Villasante, consiste en promover a investigación e a cooperación científica e técnica relacionada coas áreas naturais protexidas que permitan mellorar a súa xestión así como a xeración de alianzas estratéxicas e mecanismos de coordinación e divulgación de modelos de éxito baseados na avaliación de servizos ecosistémicos mariño-costeiros.
O intercambio de coñecemento científico centrarase en promover a avaliación biofísica, socioeconómica e cultural incorporando o entorno das áreas naturais protexidas, con especial atención ao coñecemento tradicional dos usuarios dos recursos comúns. A rede, que conta con financiamento ata 2020, ten un elevado contido multidisciplinar e nela participan investigadores de diferentes ámbitos do coñecemento como a antropoloxía, bioloxía, ecoloxía e a economía das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo e de especialistas, representantes de ONGs, administracións e a industria no Brasil, Chile, Colombia, España, México, Perú, Portugal e Venezuela.