Imprimir
Categoría: Galicia

Anllóns-Bardoso garante o abastecemento de auga ao municipio de Carballo en condicións óptimas de cantidade e calidade

Información
Galicia 20 Junio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

A conexión á rede eléctrica e a posterior autorización sanitaria son os únicos trámites pendentes para a entrada en servizo da nova captación de auga a Carballo, deseñada para garantir o abastecemento a unha poboación de 45.000 habitantes -incluídos todos os núcleos cun mínimo de 50 veciños- e a un polígono industrial de 2,5 millóns de metros cadrados.

O goberno municipal de Carballo abriu hoxe as portas da instalación a todos os veciños e veciñas e a todos os membros da nova corporación municipal. Nunha visita guiada, o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o edil de Terra Galega José Bello Pallas tiveron a oportunidade de coñecer en detalle as características da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) situada ao pé da nova captación. Os representantes políticos estiveron acompañados por técnicos municipais e das empresas construtoras. A captación do río Bardoso sitúase augas arriba da Ponte Carral. Segundo explicou o técnico municipal José Facal, para non afectar ao leito do río, a toma realízase mediante tres pozos filtrantes que facilitan a entrada da auga ao depósito de auga bruta, que ten 1.500 metros cúbicos de capacidade. E aquí é onde ten lugar todo o proceso que fai posible que a auga chegue aos fogares carballeses en condicións óptimas para o seu consumo. Unha vez tratada, tres bombas elevarán a auga dende a ETAP ata o depósito regulador de Seixo Branco a través dunha condución de 1.555 metros de lonxitude. Outra impulsión de 435 metros conecta coa rede de saneamento para bombear os lodos da ETAP, e ademais poderá utilizarse no futuro para as augas residuais das vivendas situadas nesa zona.

O depósito de Seixo Branco, de 5.000 metros cúbicos de capacidade, pode recibir auga tanto dende o depósito actual do Anllóns, situado no Paraíso, coma dende a ETAP do Bardoso. E dende ese punto realízase o subministro aos fogares mediante unha condución de 1.630 metros que enlaza coa actual rede de abastecemento a Carballo xunto á Ponte de Bértoa. Deste xeito, non será preciso utilizar o depósito actual situado fronte ao IES Alfredo Brañas. De feito, o depósito xa foi anulado no mes de marzo aínda que se mantén con carga de auga para garantir a súa seguridade estrutural. Unha das características da actuación é que os dous depósitos, o novo do Seixo Branco e o actual do Paraíso, están interconectados, de maneira que no caso de avaría nun deles entraría en funcionamento o outro e o servizo estaría sempre garantido.

Abastecemento integral

O Anllóns-Bardoso é a primeira peza dun plan de abastecemento integral a todo o municipio. Nesta primeira fase permitirá garantir o subministro de auga ao casco urbano, ao polígono industrial e ás parroquias ás que xa chega o sistema actual. Nunha segunda fase o servizo estenderase a toda a zona norte, empezando pola costa. E grazas ao proxecto Anllóns-Bardoso no futuro tamén será posible ampliar a rede de abastecemento ás parroquias do sur (ao longo das estradas de Santiago e Ordes), co cal quedará garantido o servizo ao 100 % do territorio. Por segunda vez na historia do Concello de Carballo, o goberno municipal do BNG foi quen de acadar financiamento europeo para unha obra que mellorará o servizo de abastecemento e a calidade da auga que chega aos fogares carballeses. O Proxecto Anllóns-Bardoso, que supón un investimento de 4.145.796,56 euros, está cofinanciado nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e supón o primeiro paso para estender a rede pública de auga a todo o territorio municipal.