A XUNTA CONFIRMA O RETRASO SINE DIE DO DRAGADO DO PORTO DE FOZ E O AUMENTO DOS AMARRES

Información
Galicia 07 Octubre 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

José Ramón Val denuncia “dobre engano” por parte do goberno galego a través de Portos de Galicia

Santiago de Compostela, 07 de outubro de 15. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, criticou que hoxe o responsable de Portos de Galicia confirmara, en resposta a unha pregunta socialista na Comisión de Pesca, o retraso sine die do dragado do Porto de Foz e o aumento en 40 amarres. O deputado socialista denunciou o “dobre engano do goberno galego”.

O responsable de Portos confirmou hoxe que o dragado da dársena non se executará en 2015, e “tampouco puxo data para realizar a actuación no ano 2016”. O goberno galego amparouse, lamentou, nunha “escusa” sobre a inexistencia dun punto de vertido para depositar o material dragado, mentres o aumento dos amarres aínda está “en fase de estudo e sen data para a súa execución”.

Unha vez mais, dixo Val, “o goberno galego engana aos usuarios do porto e non asume os seus compromisos”. Explicou que o proxecto de reordenación do espazo portuario foi presentado hai case catro anos polo PP como proxecto estrela, “cunha serie de propostas para chamar a atención dos veciños e veciñas que a día de hoxe segue sen terse encetado”.

Polo camiño, sinalou, o goberno galego contratou un estudo estéril para poñer 500 novos amarres a través dun mecanismo de estacas para conter a area, que custou 70.000 euros e evidenciou que a idea era unha “utopía imposible de realizar”. Ademais, despilfarraron 380.000 euros nun dragado de urxencia das canles de acceso que non serviu mais que para desfacer unha zona pública e danar as vías de saída do porto”.

Este dispendio foi “invalidado por vostedes mesmos cando dez meses despois contrataron un novo dragado por outros 400.000 euros que tivo practicamente o mesmo resultado que o anterior”, ademais de outras actuacións como a pasarela da dársena sur que “non era unha prioridade nin unha demanda dos veciños e veciñas”.{jcomments on}