Imprimir
Categoría: Galicia

O Supremo confirma a impunidade dos cargos políticos que converteron o Prestige en catástrofe

Información
Galicia 29 Enero 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

“A sentenza abre ás portas ao resarcimento de danos para as persoas e empresas ás que o goberno de Aznar obrigara de xeito inconstitucional a elixir entre defender xudicialmente os seus dereitos ou cobrar as indemnizacións anticipadas”, explica o portavoz nacional, Xavier Vence, pero deixa o camiño libre para os responsables políticos. “O BNG non pode estar satisfeito”, salienta Vence, porque se obvian as responsabilidades penais das autoridades políticas do PP, malia que a sentenza da Audiencia Provincial de 2013 “recoñece a confusa xestión da crise e o incumprimento dos mandatos legais en materia de emerxencias e salvamento marítimo”. O Bloque lamenta que se tardaran 13 anos en recoñecer o dereito a acceder a compensacións económicas polos danos causados, aínda que se advirte que queda enfrontar un “longo período” de reclamación internacional contra a aseguradora.

Neste sentido, o BNG manifesta a súa preocupación “porque o resarcimento dos danos públicos e privados vaia depender de decisións de instancias arbitrais internacionais, habitualmente pouco sensíbeis ante aos intereses públicos”, explica Vence, quen considera necesario “reformar o código marítimo internacional actual que está ao servizo dos intereses das mafias opacas que mandan no tráfico marítimo”.

Recoñecemento avogados Nunca Máis

A sentenza do Tribunal Supremo pecha o longo camiño xudicial iniciado e sostido en grande medida pola mobilización social e a tenacidade en exixir unha investigación completa por parte da Plataforma Nunca Máis e da súa equipa de avogados. O BNG quere agradecer publicamente o “intenso, desinteresado e tenaz labor” levado a cabo polo equipo xurídico de Nunca Máis, singularmente polos avogados Pedro Trepat, Alejandro Martín e Miguel Angel Fernández. Tamén quere lembrar a actividade parlamentar do BNG nos parlamentos galego, estatal e europeo que contribuíu a denunciar e mellorar a seguridade marítima cos paquetes normativos aprobados polo Parlamento europeo. Por contra, o Bloque denuncia o desleixo do PP que fai que a día de hoxe Galiza segue sen medidas de prevención e seguridade fronte a accidentes como o ocasionado polo Prestige, non hai portos de abrigo nin as medidas e instalacións apropiadas para facer fronte a ese tipo de catástrofes.