Imprimir
Categoría: Galicia

“LUGO DE CARA AO MIÑO” CONCÉNTROUSE HOXE, DÍA MUNDIAL DOS RÍOS, A CARÓN DO DIQUE DA MINICENTRAL DA FÁBRICA DA LUZ PARA PEDIR A SÚA RETIRADA POR NON ESTAR CONTEMPLADO NO PROXECTO

Información
Galicia 14 Marzo 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

Lugo, a 14 de marzo de 2016.-lugocaraomino

Hoxe, Día Mundial de Acción na defensa dos Ríos, a plataforma "Lugo de cara o Miño" concentrouse a carón do dique contruído pola empresa Inca no leito do río Miño, ao seu paso por Lugo, a prol de liberar este efluente emblemático de obstáculos que enturbien o seu curso e afecten aos seus valores naturais e patrimoniais, por tanto, a favor da retirada deste dique que non estaba contemplado no proxecto da minicentral da fábrica da luz, nin tampouco na declaración de impacto ambiental, e que está poñendo en perigo a biodiversidade e as condicións ecolóxicas deste espazo natural protexido como Rede Natura e ZEPVN (Zona de Especial Protección polos Valores Naturais).

Durante o acto de concentración deuse lectura ao seguinte manifesto asinado por todos os colectivos e particulares veciños de Lugo e membros de "Lugo de cara ao Miño":

"LUGO DE CARA AO MIÑO": POLA DEFENSA DO RÍO MIÑO E POLA RETIRADA DO DIQUE!

A plataforma "Lugo, de cara ao Miño", formada por vinte colectivos e persoas particulares veciñas desta cidade, nace para facer presión fronte a proxectos especulativos, urbanísticos, enerxéticos ou calquera tipo de actuación promovida desde o eido privado ou público que ameace a integridade e os valores naturais e culturais do río Miño na cidade de Lugo. "Lugo, de cara o Miño" xorde co obxectivo de acadar o respaldo das veciñas e veciños da nosa cidade na defensa deste ben público ao que, historicamente, lle temos dado as costas.

Desde este movemento consideramos que o impacto que están a xerar as obras do aproveitamento hidroeléctrico da fábrica da luz no río Miño e na súa contorna xa é a gota que colma o vaso das múltiples e constantes agresións que o río vén soportando nas últimas décadas. Consideramos que xa é hora de que as veciñas e veciños de Lugo miremos de fronte ao Miño e respondamos de xeito contundente ao chamado de socorro que nos está a facer.

O Miño enfróntase actualmente a unha nova ameaza: o proxecto hidroeléctrico da fábrica da luz. Un proxecto que rexeita "Lugo de cara ao Miño" por motivos ambientais, patrimoniais, legais e de xustiza social.

Ambientais

, porque o treito de río afectado por esta minicentral é o treito de río máis protexido do Miño ao seu paso pola cidade de Lugo. É un espazo de Rede Natura 2000, Zona de Especial Protección Parga-Ladra-Tamóga e núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Sen embargo, nin a Xunta de Galiza, nin o Ministerio de Medio Ambiente, avaliaron correctamente o impacto ambiental que ía supoñer este proxecto, poñendo en risco varias especies vulnerables e en vías de extinción que nel habitan. Como exemplos, o mexillón do río ou o nenúfar de río, que non están contemplados na declaración de impacto. Esiximos, por tanto, que o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellaría de Medio Ambiente anulen esta Declaración de Impacto Ambiental por incompleta, fraudulenta e chafalleira.

Rexeitamos este proxecto hidroeléctrico tamén por motivos culturais. O edificio da fábrica da luz é un patrimonio histórico e cultural que forma parte da memoria colectiva dos veciños e veciñas de Lugo. O que parecía ser unha boa idea, a de rehabilitar o edificio para finalidades didácticas e de uso público, acabouse convertendo nun proxecto hidroeléctrico con fins exclusivamente especulativos e de rédito privado. Ademais, nesta desatinada reconversión do proxecto cara fins especulativos, planea a figura do expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fdez. Liñares, investigado actualmente pola Xustiza por presunta prevaricación no caso Pokemon. Non é de recibo que o Concello de Lugo siga a avalar un proxecto que desde o seu comezo estivo tinxido pola sombra da corrupción e que foi rexeitado polos grupos da oposición e, mesmo, por informes dos servizos municipais.

Rexeitamos este proxecto por razóns legais. A empresa executora das obras, a asturiana Inca, enfróntase a dous expedientes sancionadores abertos pola confederación hidrográfica Miño-Sil por ter iniciado as obras do dique de dragado sen autorización e fóra da época de estiaxe, tal e como obriga a declaración de impacto ambiental. Ademais, ditas obras non estaban contempladas no proxecto hidroeléctrico nin no documento de avaliación ambiental. Por tanto, este dique é ilegal! Reclamamos que sexa retirado canto antes! A súa permanencia no leito do Miño por máis tempo pode mudar a dinámica das correntes do río, favorecer a destrución do Caneiro da Luz e provocar a erosión das marxes fluviais.

É de xustiza social que as Administracións cómplices da desprotección deste espazo e da privatización dos recursos naturais públicos, devolvan aos veciños e veciñas de Lugo o que é deles. Este espazo natural protexido debe de ser preservado e defendido para que a nosa cidade volva reconciliarse co río, para que comece a coñecer os seus valores ambientais e patrimoniais e para que a xente volva facer un uso respectuoso deste lugar, como en tempos o fixo.

E aínda que os motivos económicos non sexan os máis importantes, tampouco atopamos razóns desta índole para defender o proxecto. Todo o contrario. Pola explotación da fábrica da luz, o Concello de Lugo só recibiría uns 5.000€ ao ano e luz para unhas poucas lámpadas do parque. Doutro lado, a empresa concesionaria da explotación hidroeléctrica, prevé acadar uns ingresos de 100.000€  anuais durante os próximos 38 anos. En total, preto de 4 millóns de euros. Ademais, os seus beneficios non quedarían na cidade de Lugo, senón que marcharían para fóra. Paga a pena estragar o Patrimonio Natural máis importante de Lugo, o río Miño, por 5.000€ ao ano?! O Concello de Lugo sabe que non.

Por todo isto, apelamos á responsabilidade das distintas Administracións implicadas na aprobación e execución deste proxecto e DEMANDAMOS:

-Que a Confederación Hidrográfica mande retirar canto antes este dique ilegal do río Miño, obrigando a repoñer o espazo ao seu estado orixinal. Esta obra fíxose nun espazo natural protexido sen permiso e sen avaliar o seu impacto ambiental.

-Que o Ministerio de medio ambiente anule a Declaración de Impacto ambiental do proxecto de rehabilitación e aproveitamento hidroeléctrico da fábrica da luz por fraudulenta.

-Que o Concello de Lugo rescinda o contrato coa empresa Inca e consulte coa veciñanza e as entidades asociativas da cidade o destino e uso do edificio histórico e público da fábrica da luz.

-Que a Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Medio ambiente, atenda as súas obrigas na salvagarda deste espazo protexido como Rede Natura e que anule os seus informes que avalan esta intervención agresiva no río Miño.

-Que a empresa Inca non nos venda máis favores, nin minta aos veciños e veciñas de Lugo. Que tampouco nos ameace ou intente amedrentar as nosas accións reivindicativas. O que ten que facer é cumprir a lei.

Agardamos que cada quen asuma as súas responsabilidades e que non intenten esquivalas, botándolle a culpa a outros, porque desde esta plataforma, "Lugo de cara ao Miño" esgotaremos todas as vías legais e de presión social para frear este proxecto hidroeléctrico e devolver á cidade de Lugo a fábrica da luz e o río Miño. E miraremos o Miño de cara!, de fronte!, como tamén El nos está a mirar.

Lugo de cara ao Miño!

Fóra dique!

Asinan este manifesto:

-Os colectivos:

ADEGA, AGCT, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Ateneo Engranaxe, Carneiro Alado, CIG, Coop. Bico de Grao, Cultura do País, Madia Leva, Masa Crítica, SLG, SOS Río Miño e as formacións políticas ACE-EU, Anova, BNG, Compromiso por Galicia, Espazo Ecosocialista, Equo, Lugonovo, Podemos.