Programa de concertos que amenizará as tres noites do XIII Encontro de Embarcacións Tradiconais de Galicia de Combarro

Información
Galicia 28 Mayo 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image

2017 05 27 17 10 58 2 DSC03097Seis concertos animarán as noites do Encontro de Combarro

Susana Seivane, Caxade ou Agoraphobia compartirán protagonismo con charangas ou corais locais

O comité organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo, reuniuse na pasada tarde de sábado para avanzar na configuración do cartel do evento. Serán catro xornadas nas que a música se presenta como o complemento perfecto para o extenso programa de actividades que está a piques de pecharse.

Durante o día, charangas, corais e agrupacións de música tradicional do entorno encargaranse de que o ritmo e o bo ambiente non decaian. E, xa ao caer o sol, o público poderá gozar da posta en escea de seis formacións da primeira liña da escena musical galega actual. Champurrada; Agoraphobia; Caxade; O Sonoro Maxín; As Tanxugueiras; e Susana Seivane; ofrecerán tres noites de fusión musical, punk, rock, indie e folk para todos os públicos.

Cando falta pouco máis dun mes para o Encontro de Combarro, a xunta directiva e as asociacións recollidas baixo o paraugas de Culturmar continúan co intenso traballo de organización dun evento que traerá ata Poio arredor de 150 embarcacións tradicionais de Galicia, Portugal ou Euskadi. Para todos eles; así como para o numeroso público que se agarda que pase pola vila neses días; e, como non, para a propia veciñanza; tense deseñado unha completa programación que conxuga as saídas de navegación cun sinfín de actividades en terra, cunha pata ben asentada no eido musical.

A primeira xornada do Encontro culminará cunha noite do punk-rock máis actual, da man das bandas Champurrada e Agoraphobia. O venres sera a quenda para as músicas de fusión; grazas ao indie-folk de Caxade e aos ritmos da “Galicia tropical” do Sonoro Maxín. E, xa o sábado, a gaita da ben coñecida Susana Seivane e o trío de pandeiretas das Tanxugueiras porá a guinda.

Champurrada é un grupo nacido en Vilariño (Poio), co único obxectivo de facer que o seu público o pase ben e, de paso, eles tamén. A súa traxectoria musical arrincou arredor do ano 1996 e, “grazas a toda a xente que os segue apoiando, rexurdiron das súas cinzas no 2013”. As súas letras falan, a ritmo de rock e de xeito real, crú e sen tapuxos”, “sobre os temas cotiás, do día a día, do que lle pasa ao veciño ou das recomendacións que che botan os avós”.

Dende Boiro chegará Agoraphobia. Unha banda que pode presumir de ser unha das poucas formacións musicais integramente femininas do panorama actual. Con apenas 16 anos comezaron a dar renda solta ao seu gosto polo punk-rock e o rock alternativo; ata que no 2013 a banda consolídase. Nese ano gañan o Vodafone Yu Music Talent. Pronto son seleccionadas para participaren no festival South by Southwest de Texas, que achega o seu primeiro disco, “Dirty little things”, ao mercado americano. Pouco despois lánzanse á gravación do seu segundo disco: “Ready to play”.

Caxade é o proxecto persoal de Aloxo Caxade. Mellor Artista nos XIII Premios Opinión; Premio Martín Códaz da Música; gañadora do Certame Música Xove; e representante galega no SUNS Europe 2015; trátase dunha formación folk-pop “cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela”, con doses de “surrealismo pos-modernista e un discurso reivindicativo, metafórico e irónico”. A formación, nacida en 2012, editou o seu primeiro traballo discográfico “A dança das moscas” ao ano seguinte. O seu segundo traballo, “E isto é o amor”, veu a luz en 2016.

O Sonoro Maxín fórmase en Ourense no verán do 2007 a partir da xuntanza de músicos provintes dos grupos Lamatumbá e Cinnamon Gum. Entre 2008 e 2010 dan máis de 150 concertos pola xeografía galega e comparten esceario con Manu Chao & Radio Bemba Sound System; Shantel & Bucovina Club Orkestar; Tonino Carotone; Los Delincuentes; La Troba Kung-Fú; ou Che Sudaka. Tras unha xira por Portugal, ve a luz o seu primeiro disco: “A onda sonora”, de 2012, que chegou ata os escenarios do norte de Alemaña. A finais de 2016 inician a gravación do seu segundo traballo discográfico: “Sete e dezasete”.

Das Tanxugueiras “din os que saben que son as grandes promesas do trad feminino”. Sendo aínda unha incorporación recente ao panorama musical, o potente trío de voces e as pandeiretas de Sabela, Olaia e Aida téñense convertéronse recentemente nun éxito viral, grazas ás 200.000 visualizacións que recentemente acadou un vídeo dunha improvisación súa na zona de camerinos do festival folk Celtic Connections de Glasgow.

De Susana Seivane pouco cabe explicar a estas alturas. Nacida en Barcelona e pertencente á recoñecida familia de gaiteiros e artesáns propietarios do Obradoiro de Gaitas Seivane, a gaiteira deuse a coñecer no 1999 co seu primeiro traballo discográfico e o a súa moderna posta en escena. Despois viñeron “Alma de buxo”; “Mares de tempo” , disco no que Seivane demostra tamén as súas aptitudes vocais; “Os soños que volven”; e a gravación en directo “Susana Seivane e amigos”. Actualmente está a piques de lanzar o seu quinto álbum, “que recolle os sentimentos do embarazo e a maternidade. Posiblemente, o disco máis intimista da gaiteira. Romántico, inspirador e tenro, creado para nenos e non tan nenos, pais e fillos de todas as idades”.