O Colectivo Nacionalista de Marín quere facer pública a súa posición contraria á permanencia de Ence na ría e o rexeitamento á prorroga concedida por un goberno en funcións. Este feito parécenos grave e reprobábel, así como pouco ético e politicamente impresentábel.
Un goberno do Partido Popular en función, toma unha decisión política para favorecer os intereses privados dunha empresa coa que está moi directamente relacionado. Só temos que ver quen conforman o consello de administración desta empresa. Ministras, conselleiros e altos cargos de distintos gobernos do PP moi ben remunerados.
Con esta irresponsábel medida o sr. Rajoy, coa complicidade de Feijoo, vai hipotecar a ría por varias xeracións facéndolle un regalo a unha empresa condenada por delito ecolóxico. Todo isto contra o sentir maioritario da poboación. Estamos ante un presidente covarde que se agocha e non é capaz de dicirlle publicamente ao pobo galego que vai manter 60 anos máis Ence na ría. Nin el, nin a ministra Pastor, nin o presidente Feijoo. Ten que ser a propia empresa a que faga de portavoz do goberno para darnos esta pésima nova, o que pon de manifesto a confianza e o bo entendemento que teñen.
Esta nova non é só mala para Marín, Pontevedra, Poio, etc. É unha mala nova para toda Galiza, xa que Ence condiciona a política forestal da Xunta e vai continuar transformando os nosos montes nun mar de eucaliptos.
Con esta decisión estase condenando a unha cadea perpetua os habitantes da ría, a ter que sofrer e padecer a contaminación, os fedores e o impacto visual desta empresa, instalada polo franquismo e querendo ser consolidada polos seus herdeiros, e que tan só representa o 1,1% dos postos de traballo da cidade de Pontevedra.
Mentres os que din defender o emprego tentan manter unha industria contaminante, non teñen problema en ver como desaparecen os postos de traballo na ría ou en converter Galiza nunha enorme plantación forestal de eucaliptos en detrimento de especies máis rendíbeis. Onde estaban o PP e os sindicatos que defenden a Ence cando se reducían os postos de traballo no marisqueo na ría?
Tampouco escoitamos nunca por parte deles calquera preocupación pola desaparición dos barcos pesqueiros do porto de Marín. As políticas de recortes do PP provocaron a destrución duns 800 postos de traballo directos no sector público só na sanidade, sector onde traballan como eventuais un importante número de marinenses, a eses hai que sumarlles os postos perdidos na administración autonómica e na central.
O Colectivo Nacionalista de Marín apoiará todas as medidas que se tomen para revocar esta inmoral concesión a Ence e demanda do novo goberno do estado que tome as medidas necesarias para sacar dunha vez esta empresa da ría.
Marín, 26 de xaneiro de 2016.
Asdo.: Pedro Cortegoso Gago
--