Augas de Galicia e Concello establecen prioridades na limpeza dos regatos para previr inundacións

Información
Rios de Galicia y España 03 Noviembre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image
Debido á cantidade de regatos existentes en Vilagarcía e debido á inminente chegada da temporada de chuvias, o Concello de Vilagarcía e Augas de Galicia establecerán prioridades na limpeza dos leitos para previr inundacións. Así o acordaron o concelleiro de Medio Ambiente e o Garda Fluvial da zona que hoxe inspeccionou algunhas das zonas máis conflitivas para elaborar o informe que será remitido a Santiago para a súa aprobación. En vista de que a autorización e execución dos traballos por parte de Augas de Galicia aínda pode demorarse varias semanas, o Concello ofreceu a súa colaboración, esixindo, non obstante, a máxima urxencia na tramitación por parte do ente autonómico.
02.11.2016.- A visita do Garda Fluvial responde ao dossier sobre o estado de varios regatos municipais que o Concello remitiu a Augas de Galicia a finais de verán para demandar a urxente limpeza dos mesmos a efectos de previr inundacións nas épocas de chuvias. A urxencia da petición viña dada tamén pola repercusión que os incendios forestais tiveron nos montes e que repercutirá negativamente no arrastre de cinzas e materiais aos regatos que xa de por si se atopaban cubertos por maleza e obstruídos por ramas secas.
Na visita de hoxe acordouse priorizar as actuacións na zona máis conflitiva que é a comprendida entre os río Con e Leiro na zona de Rubiáns e A Laxe. Como medidas urxentes a levar a cabo de xeito inmediato fixouse a retirada dunha árbore que caeu sobre o río Leiro á altura do centro Lar e o Concello procederá a quitar outra árbore atravesada onde se xuntan os ríos Con e Leiro.
Segundo a opinión do Garda Fluvial, faise preciso un dragado do Con na zona da Coca para retirar a imporante cantidade de áridos alí depositados e que restan capacidade ao leito á hora de conducir o caudal. Tamén apuntou a conveniencia de retirar algúns troncos e árbores tombados sobre o Con e o Leiro neste tramo dos seus cursos.
Tras a inspección ocular realizada hoxe sobre o terreo, o técnico deberá elaborar un informe para o seu superior e que, posteriormente deberá remitirse a central de Augas de Galicia en Santiago de Compostela xa que a última palabra sobre a autorización corresponde a este ente. En caso de ser aprobadas, aínda terían que ser contratadas.
Aínda confiando en que Augas de Galicia aprobe os traballos, en vista de que aínda poden demorarse e que poden non chegar a todos os regatos municipais, o Concello pediulle ao Garda que recollese no informe ofrecemento do Concello a colaborar procedendo á limpeza dalgúns nos que poida acceder cos seus propios medios, como no curso baixo  do río Tripeira, do Santa Mariña na zona da Xunqueira ou no Río Lomba, por Cornazo.
Non obstante, o Concello lembra que a limpeza e mantemento dos leitos fluviais é competencia exclusiva de Augas de Galicia polo que pide a máxima urxencia na tramitación e execución dos resto das actuacións previstas. Mouriño advirte do risco que se corre ao ter os regatos obstruídos pola maleza e tendo en conta que cada vez son máis frecuentes as choivas torrenciais que elevan as posibilidades de enchentas e desbordamentos, de aí que demande a máxima dilixencia por parte da administración autonómica.