Ponte Caldelas reforza a bandeira azul da praia da Calzada coa consecución do primeiro sendeiro azul interior de España
Ponte Caldelas, 7 de maio de 2016
Ponte Caldelas conta co primeiro sendeiro azul de interior de toda España gracias a unha iniciativa emprendida polo Concello e que supuxo unha complexa tramitación diante da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), organismo europeo que concede os distintivos bandeira azul, e diante da Deputación de Pontevedra, que concedeu unha subvención para acometer parte das obras necesarias.
ADEAC vén de aceptar a proposta do Concello de Ponte Caldelas para incluír unha ruta circular de 8,3 quilómetros de lonxitude, que terá como punto de saída e chegada o Balneario, reforzará a bandeira azul da praia da Calzada e converterá o río Verdugo nun atractivo de turismo verde de primeira magnitude. O sendeiro caldelán xa aparece recollido na web da asociaciación, xunto co resto dos sendeiros azuis declarados no conxunto de España:
http://www.adeac.es/sites/default/files/archivos/Senderos_Azules_2016.pdf
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, explicou que os sendeiros azuis son rutas que enlazan praias con bandeira azul con elementos naturais do seu entorno. Requiren da elaboración dun complexo proxecto técnico no que se inclúe un traballo de campo baseado na localización e características xerais do camiño, inventario de elementos e valores naturais, instalación de paneis de sinalización de ruta, valores naturais, balizaxe, etcétera. Todo elo debe ser, finalmente, avaliado polos inspectores de ADEAC para garantir o cumprimento das condicións esixidas. Un proxecto, engade o alcalde de Ponte Caldelas, que é complexo porque inclúe a presentación de moita documentación, entre ela un Plan de Protección Ambiental, outro de Educación Ambiental e un terceiro de Dinamización Social, que obriga a prestar actividades socioeducativas para potenciar os valores naturais do trazado.
Andrés Díaz está convencido de que este sendeiro azul exercerá tamén como motor dinamizador da hostalería e do comercio local e destaca o esforzo para non quedar parados tras a consecución da bandeira azul para a praia da Calzada. “Xa no seu momento tivemos que loitar por manter esa bandeira azul dando a batalla contra os vertidos que baixaban dende A Lama”, explicou, “pero agora pensabamos que había que poñer tamén en valor todo o entorno que arrodea o areal e estamos moi contentos de telo conseguido e de ternos convertido nos primeiros titulares nun sendeiro destas características fóra do litoral español”.
O alcalde anuncia que vanse executar coa máxima urxencia as obras brandas que permitirán recuperar os camiños de pescadores, potenciar o ecosistema fluvial e as súas especies máis características tanto na flora como na fauna. Eliminaranse exemplares de invasoras, protexeranse espazos sensibles, potenciarase a accesibilidade das estruturas, eliminaranse todo tipo de residuos e acometerase un tratamento ecolóxico e paisaxístico xeral. O proxecto culminará con visitas guiadas, obradoiros formativos, voluntariado medioambiental e un programa de actividades para os centros educativos.
Andrés Díaz recalca que o Concello tivo que realizar un dobre esforzo, pois paralelamente á solicitude diante da ADEAC foi preciso realizar un esforzo de xestión para a consecución dunha subvención de 13.000 euros da Deputación Provincial. Unha petición que culminou tras moitos trámites para acreditar a titularidade dos terreos ou permisos dos titulares, circunstancia que en moitas ocasións imposibilita a obtención deste tipo de axudas públicas.
O novo sendeiro azul será un elemento central e característico do mapa do sendeirismo caldelán, pero non funcionará como elemento illado. O alcalde adianta que estará interconectado co resto de rutas do municipio. Estase a traballar para unilo o máximo posible coas rutas xa existentes ou en planificación para que sexa posible realizar distintos percorridos. Un deseño no que tamén estará incluída a propia vila de Ponte Caldelas para que os camiñantes podan tamén gozar dos servizos que ofrece a hostalería e o comercio local.


